Traemos a este podcast, o Ti Martiño e máis eu sobre as cousas do comer, dos animais vinculados á vida diaria nestes pueblos e algunha cousiña máis, por exemplo sobre as tarefas agrarias que fundamentalmente xiraban ao redor do pan.
“Verás, verás que te vou a cuntar” co Ti Martiño, é un serial de Retrato Sonoro para Sons Podcasts e a voz protagonista é a de Martín Gordo Mostaza. Home centenario do lugar da Teixeira, en Hermisende, provincia de Zamora.
Comezaremos hoxe a Martiño falando dalgo que xa escoitaches nalgún capítulo anterior. Subir ás vacas á serra para que pastasen no verán e vixialas para que non viñese o lobo. O sacrificio que comportaba ter a estes animais nas casas e ter unha vaca de a medias…
Os porcos, animal fundamental na dieta destas xentes, a importancia das matanzas para ter certo sustento alimenticio durante o ano. E falamos de arrobas. Tamén sobre as castañas que comían as persoas e os porcos. Na contorna da Alta Sanabria hai unhas castañas estupendas, e que se consumen e saen a moitos países do mundo. Todo un negocio nas primeiras datas do outono,pero que toda esta xentiña nota nas costas para apañar. Non hai traballo tan mal agradecido.
Os traballos no campo sobre todo a sembra, seitura (a sega) e mallas do pan, do centeo. Ao redor destes traballos do pan podería facerse un podcast exclusivo porque implicaba tanto traballo, tanto tempo, tanta vida…